Autorizados tres parques eólicos na Pastoriza, Meira, Baralla, Baleira e Becerreá
A Xunta autorizou a construción de tres parques eólicos de Greenalia na provincia de Lugo, os cales xa superaran o trámite ambiental. Serían 11 aeroxeradores novos distribuídos en terreos de cinco concellos lucenses, o que supón un investimento global de 57 millóns de euros.
En concreto, un deles, co nome de Carballal, sitúase na Pastoriza; outro entre A Pastoriza e Meira, As Louseiras; así como un terceiro entre os municipios de Becerreá, Baralla e Baleira, que leva o nome de Monteiro.
Así, o parque eólico de Monteiro, que abarca tres concellos lucenses, será o de maior extensión destes tres, xa que contará con cinco aeroxeradores e terá unha potencia de 33 megawatts, cun orzamento de máis de 25 millóns de euros.
O parque das Louseiras contará con case 20 megawatts de potencia a través de tres aeroxeradores. Neste caso prevese un investimento de máis de 16 millóns de euros.
Así mesmo, o do Carballal contará con tres aeroxeradores, cunha potencia de 18,75 megawatts. O investimento previsto é de 16 millóns de euros neste caso.