A Xunta autoriza un novo parque eólico entre os concellos de Abadín e A Pastoriza

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a resolución do 18 de febreiro da Dirección Xeral de Enerxías Renovables pola que se concede a autorización administrativa previa para as instalacións do parque eólico Penas Pardas, situado nos concellos de Abadín e A Pastoriza.
O proxecto, promovido por Norvento, obtén esta autorización para unha potencia de 26 MW, tras superar os distintos trámites esixidos.
A resolución non é definitiva en vía administrativa, polo que se poderá interpor un recurso de alzada ante a Consellería de Medio Ambiente no prazo dun mes desde o día seguinte á súa notificación.
Unha vez concedida a autorización administrativa previa, a autorización de construción deberá outorgarse nun prazo máximo de tres meses. Para iso, o proxecto de execución deberá cumprir os requisitos da normativa vixente e realizar as adaptacións necesarias derivadas do proceso de instrución.