A Xunta autoriza unha liña de bus directa entre Lugo e Ferrol cunha única parada nas Pontes

O Consello da Xunta autorizou a licitación da nova concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada A Coruña-Ferrol- Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo, cun orzamento de case 2,7 millóns de euros. Na nova licitación prevese, por unha banda, a continuidade dos servizos actualmente prestados e, por outra, a introdución de melloras en varias liñas da concesión, así como tamén a creación da liña Conecta Ferrol-Lugo, con parada nas Pontes de García Rodríguez. Prevese que nos novos servizos viaxen unhas 8.500 persoas ao ano.
Amplíase así a rede de autobuses interurbanos impulsada polo Goberno galego co obxectivo de reforzar as conexións directas entre as principais cidades de Galicia e que se implantou por primeira vez hai un ano entre A Coruña e Lugo. O obxectivo é avanzar na mellora continua do transporte colectivo como elemento fundamental para progresar cara a un modelo de mobilidade sostible na comunidade.
A incorporación da nova liña Conecta entre Lugo e Ferrol, con parada nas Pontes de García Rodríguez, suporá un incremento de dous servizos directos por sentido ao día entre as ditas cidades, o que implica 1.408 servizos máis ao ano, mellorando a comunicación en autobús e contribuíndo a unha mobilidade máis eficiente, sustentable e accesible para a cidadanía. Así, de luns a venres disporase de tres servizos directos por sentido ao día, ás 6.30, 14.30 e 17.30 con saída dende Ferrol, e ás 6.30, 15.30 e 19.30 con saída dende Lugo, e haberá adicionalmente un servizo os venres lectivos ás 18.00 en dirección Ferrol e outro os domingos ás 20.00 cara a Lugo durante o curso universitario.
A parada intermedia nas Pontes de García Rodríguez estableceuse tras comprobar que máis de medio millón de desprazamentos anuais se realizan en vehículo privado entre Ferrol e As Pontes. Ademais, tamén se prolongará a actual liña Oza dos Ríos – Betanzos ata Curtis, e realizaranse algúns axustes horarios para atender peticións da cidadanía. Por outra banda, a nova concesión suma un vehículo máis á prestación do servizo que a anterior licitación, de xeito que serán 11.
A maiores destes municipios, a concesión, cuxa vixencia se prevé estender ata 2030, inclúe outros 58 concellos: A Capela, A Coruña, Aranga, As Somozas, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Cabanas, Cedeira, Cerdido, Curtis, Fene, Frades, Mañón, Melide, Mesía, Moeche, Narón, Neda, O Pino, Oleiros, Ortigueira, Oza-Cesuras, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado e Vilasantar, así como os lugueses de Abadín, Barreiros, Begonte, Burela, Cervo, Chantada, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Rábade, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. En Ourense a concesión atende os concellos da Peroxa, Carballedo, Coles, Ourense e Vilamarín, e en Pontevedra, Agolada e Lalín.