A Xunta colabora na sinalización dunha ruta en bicicleta entre Castro de Rei e Outeiro de Rei
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou Castro de Rei para comprobar o resultado do proxecto de sinalización da ruta de bicicletas todoterreo (BTT) que une este concello co municipio de Outeiro de Rei. A Xunta destinou a esta actuación case 40.000 euros no marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que ambos concellos solicitaron para a liña de concorrencia competitiva mediante o sistema de xestión compartida.
O proxecto inclúe a colocación de frechas indicativas de dirección para indicar o trazado e de paneis informativos nos principais núcleos de poboación e nos distintos accesos á ruta. Desta forma, as dúas entidades locais dan a coñecer o seu patrimonio e os seus espazos naturais con esta actuación conxunta. Ademais, aproveitouse a aplicación coa que xa conta o concello de Outeiro de Rei para incorporar o trazado e poder seguilo con GPS.
Marta Fernández-Tapias destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para ofrecer servizos que redunden no benestar dos cidadáns. Tamén indicou que os concellos de Castro de Rei e Outeiro de Rei son un bo exemplo das vantaxes da colaboración entre entidades locais para ser máis eficientes, evitar duplicidades, compartir servizos e optimizar recursos.
O investimento da Administración autonómica nos últimos anos ao abeiro das distintas ordes de subvencións da Vicepresidencia supera en Outeiro de Rei os 675.000 euros e no caso de Castro de Rei é de máis de 250.000 euros.
Ambos municipios xa teñen concorrido de forma conxunta noutras convocatorias das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, no seo da Mancomunidade da Terra Chá á que pertencen. Os concellos desta mancomunidade recibiron apoio do Goberno galego para iniciativas como a creación dunha aula virtual para o uso recreativo e didáctico dos recursos naturais da Terra Chá, ou para gastos de funcionamento.
A convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental para este ano á que poden optar as entidades locais de Galicia, de forma individual ou mediante xestión compartida, conta cun orzamento de 11 millóns de euros. O Goberno galego ten en marcha desde 2010 estas axudas polas cales os ingresos derivados do canon eólico se destinan á conservación, reposición e restauración do ambiente.
A orde inclúe unha liña de subvencións de natureza non competitiva para os concellos cuxo territorio municipal estea dentro da delimitación dun parque eólico ou afectado pola súa evacuación; e outra en concorrencia competitiva que incorpora criterios para primar as solicitudes conxuntas entre mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de municipios fronte ás presentadas individualmente.