A Xunta completa a reforma do salón de actos do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba cun investimento de 43.760 euros

TerraChaXa
Substituíronse 200 butacas e acometéronse melloras en paredes, escenario, chan e portas dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
VILALBA salon de actos basanta silva
10 Nov 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de concluír a posta ao día do salón de actos do IES Santiago Basanta Silva, en Vilalba, cun investimento de 43.760 euros. A intervención supuxo unha modernización integral do espazo e incluíu a reposición das 200 butacas por modelos novos, así como actuacións no conxunto da sala.

Segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, os traballos abrangueron a reparación e pintado das paredes, melloras na zona do escenario, a renovación do pavimento e o cambio das portas de acceso.

'Levouse a cabo unha completa actualización que permite contar cunhas instalacións máis cómodas e mellor acondicionadas para todos os actos que acolle o instituto ao longo do curso', salientou Arias durante a visita realizada hoxe.

A obra insírese no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que a Xunta impulsa a modernización de colexios e institutos galegos. No municipio vilalbés, entre as actuacións recentes, destaca tamén a mellora da eficiencia enerxética no CEIP Terra Chá, cun investimento próximo aos 200.000 euros.

Ademais, cada verán execútanse reformas menores pero necesarias para o bo funcionamento dos centros. No último período estival, a Administración autonómica destinou preto de 38.000 euros a melloras eléctricas e outras reparacións en varios colexios e na Escola de Educación Infantil de Vilalba.

⚙ Configurar cookies
0.07604718208313