A Xunta compra terreos no Castro de Viladonga para ampliar as escavacións

TerraChaXa | LugoXa
O director xeral de Cultura informa que a adquisición supón a incorporación de case 20.
ampliacion museo castro de viladonga w
10 Feb 2024

O director xeral de Cultura informa que a adquisición supón a incorporación de case 20.000 m2 á superficie para reforzar os usos sociais e culturais deste espazo.

A Xunta de Galicia vén de adquirir seis terreos da contorna do Castro de Viladonga, o que permitirá ampliar usos sociais e culturais deste espazo e os traballos de escavación e investigación. Así o informou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a súa participación na apertura da mostra O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o Castro de Viladonga.

“A adquisición destas seis parcelas suporá a incorporación de case 20.000 m2 á superficie do Castro co obxectivo de continuar coas escavacións arqueolóxicas e afondar na significación histórica e patrimonial deste espazo”, explicou Anxo M. Lorenzo. Ademais, con esta medida o Goberno galego tamén avanzará nos estudos do sistema defensivo do Castro, así como no de outras zonas de intensa ocupación e utilización.

Precisamente, a mostra inaugurada hoxe no Museo do castro é froito dun gran traballo de investigación e saca á luz unha ampla colección de acibeches recuperados durante máis de 50 anos de escavacións. A mostra, que estará dispoñible ata o mes de decembro, conta con sete pezas e oito fragmentos de acibeche en bruto mediante reproducións fotográficas para poñer en valor o traballo artesanal do acibeche na antigüidade e dar a coñecer as elaboracións e producións desa época, destacando especialmente pezas -en imaxes- como os osos ou os medallóns tallados co acibeche de Whitby.

Ademais, na exposición tamén se dan a coñecer os resultados obtidos durante os traballos de investigación coas imaxes e análises do miscroscopio electrónico de barrido, o que permitiu confirmar a presenza de icnofósiles de paleoxilófagos nun dos aneis da colección, así como a elaboración desta mesma peza en acibeche astur. Todo isto reafirma a idea da existencia dun taller no propio Castro de Viladonga.

0.082341909408569