A Xunta comproba en Pol o destino das axudas contra o feísmo
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático abre o este luns, 20 de xaneiro, o prazo para que particulares e concellos soliciten as axudas destinadas á corrección de impactos paisaxísticos.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou en Pol unha das actuacións de iniciativa privada executadas con cargo á convocatoria do ano pasado para favorecer o fermosismo. A obra consistiu na restauración dun muro de peche de pedra nunha parcela situada no lugar de Andión, na parroquia de Santiago de Silva.
Arias explicou que en 2024 se concederon na provincia 283.000 euros que facilitaron 96 actuacións de particulares, 32 delas nas comarcas da Terra Chá e Meira. As achegas nesta área sumaron 95.000 euros.
No caso dos concellos, en Lugo houbo 13 beneficiarios que percibiron apoios por valor de 237.800 euros para mellorar a imaxe exterior de edificios e outras instalacións ou elementos públicos, como campos de fútbol, escolas, fontes ou lavadoiros.
Os particulares que se acollan á actual convocatoria poderán recibir ata 3.000 euros para actuar sobre fachadas (o tipo de actuación máis solicitada), cubertas ou muros de peche. Tamén financiará a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando prexudiquen a súa imaxe ou causen algún tipo de impacto.
En canto ás entidades locais, terán á súa disposición un máximo de 40.000 euros (20.000 euros por cada liña) para actuar en edificios e dependencias de servizos municipais —liña 1— ou en construcións, equipamentos públicos e bens do patrimonio etnográfico local —liña 2— que polo seu aspecto ou deterioro provoquen unha distorsión na contorna onde se localizan.
En concreto, poderán acometer obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos, ou ben incidir na renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais.