A Xunta comprométese a analizar a viabilidade da ampliación do PAI de Guitiriz
A alcaldesa do Concello de Guitiriz, Marisol Morandeira, conseguiu o compromiso da Xunta de Galicia para levar a cabo un estudo da viabilidade da ampliación do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Guitiriz.
Este acordo concretouse onte nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Benestar Social, Laura Ageitos, e a Educadora Familiar de Guitiriz, Rocío Fanego.
O goberno local solicitara esta reunión co obxectivo de pedir melloras do servizo de atención infantil en Guitiriz xa que a demanda existente na actualidade excede ás prazas que poden ofertar coas instalacións actuais.
Así, Fabiola García e Perfecto Rodríguez comprometéronse a que durante esta semana ou inicios da próxima, os arquitectos dependentes da súa consellería desprazaranse a Guitiriz para realizar un estudo da viabilidade de levar a cabo unha ampliación das instalacións do actual PAI.
O goberno local de Guitiriz ten tamén o compromiso da Xunta de que se os resultados do estudo non recomendan levar a cabo esta obra de ampliación, o ente autonómico buscará outras alternativas para mellorar o servizo.
Ao finalizar o encontro Marisol Morandeira destacou o bo trato recibido por parte dos representantes autonómicos e expresou o seu desexo de que “os estudos dos técnicos autonómicos sexan positivos” xa que “Guitiriz necesita dunha vez por todas unhas instalacións de atención á infancia acordes coa demanda existentes”.