A xunta conta con 5 ofertas para a mellora da rúa Curros Enríquez, en Cospeito

A Xunta recibiu 5 ofertas para a execución das obras de ensanche e mellora da rúa Curros Enríquez, no lugar da Feira do Monte, en Cospeito, licitados por importe de 455.905 euros. A actuación enmárcase no Plan Hurbe da Administración autonómica, que apoia aos concellos para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.
Os traballos consistirán na ampliación da plataforma e o reforzo de firme, así como habilitación de beirarrúas e dotación de nova iluminación, da citada rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo, localizada na contorna de protección de Cruceiro e da Ermida do Monte e, que entronca coa estrada autonómica LU-111.
En concreto, actuarase no treito da rúa entre o centro de día ata a glorieta da citada estrada. Deste xeito, o proxecto ten como obxectivo a ampliación da plataforma da rúa e o reforzo do firme, incluíndo o soterrado dos servizos aéreos. Contémplase tamén a substitución dos farois existentes por un sistema novo de alumeado público.
Trátase dunha contorna onde se sitúan dotacións como o colexio e o citado centro de día, ademais da igrexa de Virxe do Monte, de xeito que a intervención, que ten un prazo de execución de seis meses, mellorará o acceso da veciñanza a estes equipamentos.
A través do convenio asinado ao abeiro do Plan Hurbe, o Goberno galego asumirá o 70% do custe destas intervencións, mentres que o Concello de Cospeito achegará o 30% restante.