A Xunta continuará mañá co programa de desinfección en Muras e A Pastoriza

TerraChaXa
A Xunta de Galicia levará a cabo mañá labores de limpeza e desinfección en espazos públicos dos concellos de Muras e A Pastoriza para contribuír a frear a expansión do coronavirus.
29 Mar 2020

A Xunta de Galicia levará a cabo mañá labores de limpeza e desinfección en espazos públicos dos concellos de Muras e A Pastoriza para contribuír a frear a expansión do coronavirus.

Os encargados de realizar estas tarefas son os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural, que actúan na contorna de puntos especialmente vulnerables, como centros de saúde ou residencias da terceira idade, co fin de incrementar a seguridade de traballadores e usuarios.

Así, mañá actuarán no exterior do centro de saúde e do centro de maiores da Pastoriza e, xa pola tarde, no centro de saúde de Muras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que todos os días se programan este tipo de intervencións nos municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes, para colaborar cos concellos rurais no mantemento destas infraestruturas de servizo público que resultan fundamentais e presentan un especial risco na situación actual.

Balseiro lembrou que os profesionais do SPDCIF están a desenvolver nestes días este tipo de tarefas de limpeza de xeito extraordinario, por mor da situación de emerxencia orixinada pola pandemia. En todo caso, a Xunta salienta que a función principal deste corpo seguirá a ser a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

Os efectivos que realizan estes traballos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias.

0.16491293907166