A Xunta contrata obras de renovación do firme en tres estradas do centro da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
As intervencións centraranse nas estradas LU-021, LU-115 e LU-541, nos seus percorridos polos municipios de Lugo, Vilalba, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei
OBRAS-DEPUTACION-ESTRADAS-BOVEDA-POUTOMILLOS
25 Nov 2025

O Consello da Xunta acaba de darlle luz verde á contratación por máis de 10,6M€ as obras de renovación do firme en 19 estradas de titularidade autonómica ao seu paso por 30 concellos das catro provincias.

O obxectivo é mellorar as características funcionais das estradas da Xunta e seguridade viaria en distintos treitos, para o que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitará nas vindeiras semanas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, as actuacións en catro lotes distintos, un por provincia.

Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.

No que corresponde á de Lugo, as actuacións de reforzo do firme centraranse nas estradas LU-021, LU-115 e LU-541, nos seus percorridos polos municipios de Lugo, Vilalba, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei. Neste caso, o contrato licitarase por un investimento de 2.673.385 euros e disporán dun prazo de execución de seis meses.

En concreto, en todas as intervencións obxecto de contratación inclúese a rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións que incorporan a restauración ou mellora das características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade segundo a tipoloxía e necesidades de cada unha delas.

Así, as obras incluirán a reparación de zonas de firme danado mediante fresados localizados e reposición dunha capa de firme; selado de fisuras lineais con mestura bituminosa, renovación e homoxeneización da rodadura.

A maiores, segundo as necesidades das distintas vías autonómica, defínense unha serie de actuacións complementarias necesarias para a correcta execución dos traballos, como é a reposición de marcas viarias (liñas continuas e descontinuas, pasos de peóns, símbolos e resaltes) nos tramos onde se renove a capa de rodadura e nos tramos onde a xa existente perdeu as súas prestacións.

⚙ Configurar cookies
0.071907997131348