A Xunta convoca de novo o certame Lingua de Namorar para a xuventude
A Xunta de Galicia convoca a décimo terceira edición de Lingua de namorar, o certame en liña de mensaxes de amor en galego que busca dinamizar o seu uso entre a mocidade tanto nas súas relacións persoais como en internet.
As consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Política Social e Xuventude, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, dividen, como cada ano, o concurso en tres categorías: dúas delas para a web (A e B) e unha exclusiva para Instagram (C). As mensaxes presentadas en todas as modalidades poderán enviarse ata o 1 de abril e deberán estar escritas en lingua galega, ben en prosa ou ben en verso.
Nas categorías A e B particípase a través da páxina do concurso mediante un formulario de inscrición. A primeira delas é para a rapazada de 14 a 19 anos, mentres que a segunda abrangue o tramo de idade dos 20 aos 35. As mensaxes que participen nestas dúas categorías non deberán superar os 350 caracteres e serán publicadas na páxina do concurso, identificadas polo título e o número que se lles asigne. As declaracións de amor gañadoras serán as únicas que, posteriormente, se identifiquen co nome e apelidos dos autores.
Pola súa parte, a categoría C, exclusiva para Instagram, está aberta a toda a mocidade dos 14 aos 35 anos, que poderá participar directamente na imaxe habilitada para o concurso no perfil @xuventudegalicia. Neste texto indicarase, en primeiro lugar, un cancelo que recolla o título e, a seguir, a mensaxe de amor. Ao final da dita publicación engadirase tamén o cancelo #LinguaDeNamorar. Ademais diso, as persoas participantes deberán etiquetar dúas amizades de Instagram e seguir as contas @linguagalega e @xuventudegalicia. Nesta modalidade as mensaxes non poderán exceder os 200 caracteres.
Fase de votación e persoas gañadoras
No caso das categorías A e B haberá dúas fases de selección. Na primeira delas, do 2 ao 7 de abril, as persoas que o desexen poderán votar polas súas mensaxes favoritas na páxina do concurso, previo rexistro nesta. Despois, o xurado elixirá as propostas gañadoras de entre as 50 máis votadas de cada categoría.
No caso da categoría C, o xurado fará unha preselección de seis mensaxes de entre todas as presentadas e, posteriormente, do 16 ao 21 de abril, o público poderá votar pola súa favorita. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público.
A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 24 de abril tanto nas páxinas web de Xuventude e no Portal da Lingua Galega como nos perfís de Instagram @XuventudeGalicia e @LinguaGalega. No caso da categoría C, a persoa autora da mensaxe gañadora poñerase en contacto coa organización antes do 30 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.
Premios e cerimonia de entrega
No tocante aos premios, establécense tres por cada unha das categorías de idade A e B. Os primeiros recibirán un patinete eléctrico, os segundos un altofalante bluetooth JBL e os terceiros uns cascos sen fíos. Pola súa parte, a categoría C terá unha única persoa gañadora, que recibirá un patinete eléctrico.
A data da cerimonia de entrega dos premios publicarase no espazo web específico deste concurso, onde tamén se poderán consultar as bases completas para participar.