A Xunta dá luz verde á construción dunha planta de hidróxeno nas Pontes
Xunta informou favorablemente desde o punto de vista medioambiental o proxecto para a construción dunha planta de produción de hidróxeno no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental emitida pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tras analizar o expediente. Con esta resolución, ponse fin á tramitación ambiental de H2Pole, polo que os promotores da actuación —Reganosa e EDP Renovables España— poderán seguir cos trámites para a súa construción.
Neste sentido, cómpre lembrar que a iniciativa para promover unha planta de hidróxeno verde nas Pontes foi a primeira en obter a declaración como proxecto industrial estratéxico de Galicia, unha figura que permite reducir os prazos da tramitación á metade mantendo todas as garantías xurídicas durante o procedemento.
Cun investimento previsto de 156 millóns de euros, H2Pole estará integrada por unha planta de produción de hidróxeno verde cunha capacidade nominal prevista de ata 100 MW e polas liñas e subestacións necesarias para a alimentación eléctrica renovable das instalacións, así como as canalizacións para a distribución do hidróxeno, tanto para a inxección na rede de transporte de gas como a clientes directos.
Os promotores pretenden desenvolver o uso de hidróxeno renovable para os diferentes usuarios finais e contribuír tanto á descarbonización do sector enerxético como a potenciar unha área especialmente afectada pola deslocalización industrial como é As Pontes, un dos municipios que forma parte dos convenios de transición xusta.
Fábrica de pneumáticos
Así mesmo, hoxe publícase no DOG outro anuncio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda polo que se lle dá publicidade á declaración de impacto ambiental favorable ao proxecto de implantación dunha nova fábrica de pneumáticos no concello das Pontes de García Rodríguez.
Promovida por Sentury Tire Spain, a fábrica integrará unha serie de edificios de produción, xestión e servizos auxiliares e terá unha capacidade de produción anual de 12 millóns de pneumáticos, segundo consta no propio proxecto.