A Xunta dá luz verde a unha liña de media tensión nas Pontes

TerraChaXa
O proxecto conta tamén coa instalación dun centro de transformación e a substitución de tramos da rede de baixa tensión
electricidad-electrico-suministro
5 Jun 2025

A Xunta emitiu dous informes de impacto ambiental (IIA) favorables a outros tantos proxectos -un no concello de Carral e outro nas Pontes- para o desenvolvemento de liñas eléctricas de media tensión coas que mellorar o servizo prestado á cidadanía existente na contorna. Non obstante, ambas resolucións están condicionadas ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como nos propios IIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna.

As dúas resolucións -sobre proxectos promovidos por UFD Distribución Electricidad- sairán publicadas proximamente no Diario Oficial de Galicia e son o resultado dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.

A iniciativa das Pontes é para mellorar a subministración no lugar de Benade, na parroquia de San Pedro de Faeira, mediante a instalación dunha liña de media tensión aérea de 293 metros de lonxitude -que precisa de tres novos apoios-, un novo centro de transformación e unha nova saída de liña de baixa tensión aérea para enlazar coa rede de baixa tensión existente, para a que tamén se require un novo apoio. Ao mesmo tempo realizarase a substitución de 844 metros do cable condutor de baixa tensión, actuacións que non terán un impacto significativo na zona.

Agora o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo os expedientes dos dous proxectos unha vez completados os trámites ambientais e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como nos propios IIA e nos respectivos plans de vixilancia ambiental de aplicación a cada unha das iniciativas.

⚙ Configurar cookies
0.071043014526367