A Xunta de Galicia intervén a residencia de maiores de Outeiro de Rei
A Xunta de Galicia vén de comunicar que tralo incremento no número de positivos por coronavirus rexistrado hoxe na residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei, toma a decisión de intervila.
Tras avaliar a evolución epidemiolóxica do centro coas consellerías de Sanidade e Política Social, acordaron tomar esta decisión para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro.
Coa intervención sanitaria da residencia, os profesionais do Servizo Galego de Saúde farán un seguimento médico constante das persoas usuarias desta residencia e supervisarán a correcta aplicación dos protocolos aprobados pola Xunta de Galicia.
Tómase esta decisión no mesmo día no que se coñecen os resultados do segundo cribado practicado na residencia, no que se realizaron 168 probas PCR tanto a residentes como a traballadores. Neste cribado detectáronse 94 novos positivos entre os usuarios e 5 entre os profesionais.