A Xunta de Goberno da Deputación aproba obras en estradas de sete concellos da Mariña
A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada telematicamente este venres, aprobou actuacións para a mellora de 11 estradas provinciais que discorren por dez concellos nas que a institución inviste preto de 1.160.000 euros.
A maior parte destas estradas pertencen á Mariña. Así, foi aprobada a adxudicación das obras de rehabilitación de firmes en 4 estradas de Ourol por importe de 254.584€ e un prazo de execución de 6 meses. Por un lado, mellorarase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso vaise arranxar medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095. Neste concello, tamén se vai arranxar a LU-P-3805, que une os núcleos Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917. Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto. A terceira estrada é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de estrada, que presenta estragos. Amañarase tamén a LU-P-3808 de Foxo a Portapena, nun tramo de 2,676 quilómetros.
A Xunta de Goberno aprobou a licitación dos traballos na LU-P-0210, que une A Seara (Alfoz) e San Acisclo (Foz) dende o punto quilométrico 5,100 ao 5,236. O prazo de execución das obras será de 6 meses e contarán cun orzamento de 118.994,49€. As actuacións consistirán no ensanche e mellora da vía, o aglomerado en quente, e a dotación de iluminación e beirarrúas co fin de mellorar a seguridade viaria. A Deputación inviste neste proxecto uns 130.000 euros, entre a execución das obras e a compra dos terreos.
Así mesmo, aprobouse tamén o Plan de Seguridade e Saúde para acometer o proxecto de renovación do firme da LU-P-5506, que discorre polos concellos de Trabada, A Pontenova e Lourenzá, dende o quilómetro 0 ata o 4,1. Con estas obras, que contan cun orzamento de 152.500€, a estrada de Augaxosa a Trabada, que é a principal vía de comunicación deste concello coa capitalidade lucense, queda renovada de maneira íntegra.
En Barreiros, tamén poderán iniciarse os traballos por 91.300€ de mellora da estrada provincial LU-P-0610, coñecida como a estrada da Costa, nas próximas semanas logo da aprobación do Plan de Seguridade e Saúde. Son dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400, cun prazo de execución de 9 meses. José Tomé destacou que esta estrada ten “moita importancia estratéxica na Mariña porque é a que discorre paralela ás praias de Barreiros e chega ata a das Catedrais, en Ribadeo”.