A Xunta de Persoal do Hospital da Costa apoia as demandas dos PACS

TerraChaXa | AMariñaXa
2 Feb 2019

A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña amosou o seu apoio "á loita" dos traballadores/as dos Puntos de Atención Continuada (PAC) en defensa das súas lexítimas reclamacións” no que lle reclama ao conselleiro de Sanidade que se sente a negociar con propostas efectivas para resolver un conflito laboral “que ameza con prolongarse no tempo”.
Dende a representación dos traballadores/as sinalan que as reivindicacións do colectivo pasan por contar con equipos paritarios de enfermeira/o e persoal médico; revisión dos plans funcionais de cada PAC para cubrir as necesidades actuais en cada centro; cumprimento das normativas europeas de tempo de traballo; dotación de equipos de protección individualizados, segundo se recolle na Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Lembran que despois de varias reunións “estériles” nas que o Sergas non achegou ningunha proposta para solucionar e corrixir as demandas presentadas, o persoal dos PAC “viuse na obriga de convocar unha folga indefinida para que as súas reivindicacións, xustas e básicas, sexan escoitadas”. Neste senso, denuncian que dende o inicio da folga o Sergas “fai oídos xordos aos problemas dos traballadores/as, coa repercusión negativa que as carencias nestes centros teñen sobre a saúde dos usuarios/as”.
Finalmente, a Xunta de Persoal solidarízase tamén cos compañeiros/as das Urxencias do Complexo Universitario de Santiago “na súa defensa dunhas Urxencias dignas”, coas mobilizacións no CHUAC “pola dignidade da atención sanitaria” e cos paros nas portas de Centros de Saúde, PAC e Consultorios rurais en todo o SERGAS, durante cinco minutos, ás 12.00 en quenda de mañá e ás 18.00 en quenda de tarde “pola dignidade da Atención Primaria”.

0.16648387908936