A Xunta destaca a calidade da Formación Profesional en Lugo tras o éxito do alumnado no GaliciaSkills

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a calidade da Formación Profesional que se imparte en Galicia, subliñando que cada vez son máis os estudantes que elixen estes ciclos “pola súa implicación co tecido produtivo local e polas grandes saídas laborais que ofrecen”.
Arias recibiu este xoves aos participantes lucenses da última edición do Campionato Galego de Formación Profesional GaliciaSkills, celebrado a semana pasada en Silleda por iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
A representación da provincia de Lugo obtivo un resultado brillante, con 16 alumnos e alumnas que acadaron un total de 12 medallas —cinco de ouro e sete de prata— nas distintas modalidades de competición e demostración. Os premiados pertencen ao CIFP Politécnico, CIFP As Mercedes, IES Sanxillao e Centro de Educación Especial Santa María, de Lugo cidade, así como ao IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz e ao Centro de Educación Especial Infanta Elena de Monforte.
O delegado felicitou o alumnado e o profesorado polos éxitos acadados, sinalando que “estes resultados demostran, unha vez máis, que en Lugo contamos con centros punteiros de FP e cun alumnado altamente cualificado”. Ademais, lembrou que os gañadores das medallas de ouro representarán a Galicia na fase nacional do concurso, que se celebrará en Madrid nos primeiros meses de 2026.
Arias destacou tamén que o GaliciaSkills se converteu no principal escaparate para promover e dar visibilidade á Formación Profesional galega, coa participación de preto de 250 estudantes e máis de 200 titores de 76 centros educativos de toda a comunidade. “Neste foro ponse en valor o talento, a creatividade e a preparación técnica do noso alumnado, pero tamén o papel estratéxico destes ensinos no desenvolvemento económico, social e empresarial de Galicia”, concluíu o delegado.