A Xunta destaca a excelencia do queixo San Simón da Costa e reforza o apoio á súa promoción

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor en Vilalba a calidade dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, subliñando o recoñecemento que este produto acada tanto dentro como fóra de Galicia.
Durante a súa intervención, lembrou que o queixo elaborado pola queixería Prestes foi distinguido coa medalla de ouro na categoría da DOP San Simón da Costa na XXVIII Cata dos Queixos de 2025, un certame promovido pola Consellería do Medio Rural. Este galardón, sinalou, reafirma o elevado nivel dun produto que combina tradición, saber facer e control da calidade.
A maiores, destacou que esta denominación é unha das catro recoñecidas en Galicia para a elaboración de queixo, consolidando así o peso do sector no conxunto da comunidade. Segundo os datos máis recentes dispoñibles, a DOP San Simón da Costa integra nove queixerías que acadaron unha produción certificada superior aos 560.000 quilos, cun valor económico estimado que supera os 5 millóns de euros.
Desde a Consellería do Medio Rural incídese na importancia de continuar impulsando os produtos acollidos a selos de calidade diferenciada como ferramenta de desenvolvemento do rural. Neste contexto, a Administración autonómica incrementará ata os 10 millóns de euros o orzamento destinado ao Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia para este 2026, coa finalidade de reforzar as accións de promoción e visibilidade deste tipo de elaboracións.