A Xunta destina 478.000 euros á Pastoriza para rehabilitar once vivendas municipais

A Xunta de Galicia concedeu un total de 478.000 euros ao Concello da Pastoriza para rehabilitar once vivendas de titularidade municipal que se destinarán a alugueiro social, segundo as últimas convocatorias de axudas promovidas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas con este obxectivo.
Así o trasladou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen visitou o municipio acompañado do alcalde, Darío Cabaneiro, para coñecer de primeira man os novos proxectos que se van levar a cabo.
Entre as actuacións previstas figura a mellora da antiga escola do lugar de Grandela, na parroquia de Reigosa, á que se destinan 17.200 euros para a renovación da cuberta. Ademais, ao longo deste ano, a Xunta investirá 199.000 euros para sumar catro novas vivendas sociais no municipio, froito da rehabilitación das antigas escolas unitarias das parroquias de Úbeda e Corvelle —con dúas vivendas na primeira e unha na segunda— e outra máis en Saldanxe.
Estes apoios súmanse aos concedidos nos programas de 2020 e 2022. No primeiro caso, incorporáronse cinco vivendas para alugueiro tras a reforma das antigas escolas de Bretoña, Crecente e Álvare, grazas a unha achega da Xunta de 184.000 euros. No ano 2022, destináronse 77.600 euros para rehabilitar dúas vivendas no lugar de Grandela.
Javier Arias indicou que xa se esgotou o crédito da última convocatoria desta liña de axudas, que contaba cun orzamento global de 1.850.000 euros. Tamén destacou que, ademais da Pastoriza, nas comarcas da Terra Chá e Meira resultou beneficiario o municipio de Pol, que recibirá 45.500 euros para levar a cabo un proxecto de rehabilitación en Fraialde.
O delegado territorial subliñou que esta medida permite ampliar o parque de vivenda pública en Galicia, contribuír a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes e apostar pola recuperación do patrimonio construído.