A Xunta destina fondos para as festas de Interese Turístico de Galicia
A Xunta de Galicia destina preto de 120.000 euros a colaborar cos concellos declarados municipios turísticos e coas festas declaradas de interese turístico de Galicia na provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución de ambas axudas, as primeiras destinadas a sufragar os gastos de persoal para atender as oficinas de turismo e as segundas para contribuír cos custos de organización dos distintos eventos.
Balseiro subliñou que o Goberno galego, a través de Turismo de Galicia, traballa para “aumentar a capacidade de atracción turística de todo o territorio, colaborando cos concellos para que poidan promocionar e xestionar axeitadamente os recursos e singularidades que os diferencian e que actúan como foco de atracción dos visitantes”.
O delegado destaca que estes programas de axuda son de concorrencia non competitiva, polo que se concederon a todos os concellos que as solicitaron en tempo e forma. As subvencións ascenden a 3.000 euros para as festas e unha media de 5.200 para os concellos turísticos e xeodestinos para a contratación de persoal.
Os beneficiarios das axudas para municipios turísticos foron os de Mondoñedo, Chantada, Samos, Quiroga, Sober, Sarria, Ribadeo, Viveiro, Palas de Rei, Monforte de Lemos e Foz. Tamén recibiu esta achega o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
As festas subvencionadas son, entre outras da provincia, as chairegas Festa da Malla de Meira, o Belén electrónico de Begonte, a Festa da filloa de Muimenta (Cospeito) e o Festival de Pardiñas de Guitiriz.