A Xunta di que non hai contaxiados nas residencias autonómicas da provincia
Os datos de seguimento da expansión do coronavirus confirman que a día de hoxe non hai ningún usuario afectado polo Covid-19 nas residencias da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, segundo se puxo de manifesto na reunión por videoconferencia que mantiveron esta mañá o delegado territorial, José Manuel Balseiro, e os directores destes centros
Balseiro valorou a situación xunto coas xefas territoriais de Política Social, Cristina Abades, e Sanidade, Begoña Seco, e os directores e directoras das residencias de maiores das Gándaras e A Milagrosa (na capital), Burela e Monforte de Lemos, así como do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria e o centro de menores Santo Anxo de Rábade.
Entre todos eles suman preto de 500 residentes e neste momento non hai diagnosticado ningún positivo por coronavirus. Balseiro puxo de manifesto que isto é posible “grazas ao gran traballo que están realizando os directores e os traballadores destes centros para protexer, coidar e axudar aos usuarios a superar estas semanas de confinamento”.
O delegado incidiu na necesidade de tomar os datos con cautela porque “sabemos que pode tratarse dunha situación conxuntural”, e confirmou que si hai algúns traballadores afectados. Son en concreto catro do CADP, cinco da residencia da Milagrosa, dous da de Burela e outros tantos na das Gándaras. En todo caso, entende que as cifras empezan a ser “esperanzadoras”.
A Xunta realiza un seguimento continuo e extrema as precaucións nestes centros que atenden a persoas especialmente vulnerables ao coronavirus. Realízanse entregas periódicas de material de protección e programa actuacións de limpeza e desinfección reforzadas, extremando todos os protocolos. Ademais, estende estas medidas ao conxunto de residencias, tanto públicas -doutras administracións- como privadas da provincia.