A Xunta e a Deputación de Lugo avanzan nun acordo pola Torre de Caldaloba

A Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo deron un paso adiante nas negociacións sobre o futuro da Torre de Caldaloba, situada no concello de Cospeito. O executivo provincial anunciou que o Goberno autonómico aceptou sentar a falar para establecer un acordo relativo á parte do monumento que a Deputación adquiriu en 2022.
Segundo se informou, este novo marco de diálogo foi acordado tras unha audiencia previa celebrada no Xulgado de Instrución número 4 de Lugo, onde se determinou que nos vindeiros días se fixará un prazo oficial para avanzar nas negociacións.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, valorou positivamente o paso dado e destacou que, despois de case tres anos de bloqueo administrativo e político por parte da Xunta, “este acordo debería permitir iniciar canto antes as tarefas de recuperación e posta en valor da Torre de Caldaloba, que foi precisamente o motivo polo que a área de Cultura mercou a parcela onde se atopa a fortificación no 2022”.
Castro engadiu que o obxectivo é evitar un novo proceso xudicial que só atrasaría a restauración dun ben de grande valor patrimonial.
A Torre de Caldaloba, cuxa metade pertence á Deputación e a outra ao Concello de Cospeito, foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1994.