A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública en alugamento na Terra Chá

TerraChaXa
Os inmobles sitúanse en Cospeito e Vilalba e buscan facilitar o acceso á vivenda na comarca
vivendas-de-promoción-pública-Vilalba-e-Cospeito
16 Feb 2026

A Xunta de Galicia adxudicou recentemente dúas vivendas de promoción pública en réxime de alugamento na comarca da Terra Chá, unha delas na avenida Río Miño de Cospeito e a outra na rúa Ferrería de Vilalba.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega das chaves do piso de Cospeito, que conta cunha superficie de arredor de 80 metros cadrados, tres dormitorios, garaxe e rocho.

No caso de Vilalba, a vivenda procede da rehabilitación integral dun edificio no casco histórico da rúa Ferrería ao abeiro do programa Rexurbe, cun investimento de 241.600 euros. Javier Arias destacou que, paralelamente, tamén se levou a cabo a restauración doutro inmoble no casco vello de Vilalba, situado na rúa Concepción Arenal, entregado aos seus primeiros ocupantes en novembro pasado.

Para optar a estas vivendas de promoción pública autonómica é necesario inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. O prazo para presentar solicitudes permanece aberto durante todo o ano, podendo facerse tanto en liña como de forma presencial nas oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

⚙ Configurar cookies
0.083400964736938