A Xunta entrega unha vivenda rehabilitada no casco vello de Vilalba ao abeiro do programa Rexurbe

TerraChaXa
O inmoble, situado na rúa Concepción Arenal, foi restaurado cun investimento de 300.000 euros e xa está en réxime de alugueiro para unha familia inscrita no Rexistro de Demandantes
VILALBA vivenda xunta
13 Nov 2025

A Xunta de Galicia fixo entrega das chaves dunha vivenda rehabilitada no casco vello de Vilalba a través do programa Rexurbe. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou no acto de entrega deste fogar, destinado ao alugueiro e asignado a unha familia inscrita previamente no Réxime de Demandantes.

O inmoble recuperado localízase na rúa Concepción Arenal, en pleno centro histórico da vila e na contorna do Castelo de Andrade, un dos principais símbolos patrimoniais de Vilalba. A intervención, que supuxo un investimento autonómico de 300.000 euros, contou co aval dos informes de Patrimonio para garantir o respecto ao entorno e aos elementos históricos do edificio.

A conselleira avanzou que a Xunta entregará en breve outra vivenda rehabilitada na rúa Ferrería, tamén ao abeiro do programa Rexurbe. Subliñou que este plan non só permite recuperar edificios e facilitar fogares á cidadanía, senón que contribúe a dinamizar os cascos vellos, impulsando o comercio local e creando novos fluxos de actividade e atractivo turístico.

Allegue puxo en valor o esforzo do Goberno galego para mellorar o acceso á vivenda, cun incremento orzamentario previsto para 2026. No vindeiro exercicio, destinaranse 350 millóns de euros a políticas de vivenda, dos que 163 millóns se investirán en novas construcións. Ademais, anunciou que no ano 2026 a dotación das axudas para a compra de vivenda protexida e para adquisición por parte da mocidade en centros históricos aumentará ata os 4,8 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.068403959274292