A Xunta estuda formas de colaboración cos organizadores do festival Rumboia Viva

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse con representantes da asociación xuvenil A Rumboia, de Abadín, para avaliar posibles liñas de colaboración na cuarta edición do festival Rumboia Viva, que se celebrará o sábado 27 de xuño na localidade.
Na xuntanza abordaron aspectos relacionados coa organización do evento e o seu desenvolvemento, así como o impacto que xera na contorna. O delegado destacou que, malia tratarse dunha cita recente, “o Rumboia Viva foise consolidando progresivamente como unha proposta cultural destacada na comarca da Terra Chá e como elemento dinamizador do turismo e da economía local”.
O festival caracterízase por dar o protagonismo a grupos e artistas da comunidade. Na edición deste ano está confirmada xa a participación dos galegos Caamaño & Ameixeiras e Ulex, ademais do grupo vasco La Txama. A programación completarase con outras actividades lúdicas, como xogos e obradoiros.
O evento celebrarase no campo da feira de Gontán, con entrada de balde.