A Xunta explica en Abadín a instrución para axudar a propietarios forestais a frear a banda marrón

TerraChaXa
Lembrou ademais que desde a chegada desta doenza aos montes galegos vense ofrecendo aos particulares a posibilidade de realizar tratamentos gratuítos
luisa-pineiro-abadin
26 Mar 2026

A Consellería do Medio Rural facilitará os trámites aos propietarios forestais para axilizar a substitución por eucalipto das masas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón. Así, publicará nos próximos días na súa páxina web unha instrución con esta finalidade, tal como avanzou en Abadín a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, na súa visita a unha zona na que se rexistran casos desta doenza.

A directora xeral explicou que esta medida ten como principal obxectivo axudar os propietarios a frear a expansión desta enfermidade e darlles unha alternativa para evitar o abandono e aumentar a produtividade do monte. Ao mesmo tempo, lembrou ademais que, desde a chegada desta doenza aos montes galegos, Medio Rural vén ofrecendo aos particulares a posibilidade de realizar tratamentos gratuítos, unha medida que continúa para todos aqueles interesados.

A instrución concreta os trámites necesarios en relación ao establecido na Lei de medidas que acompaña os orzamentos deste ano e que introduce dúas flexibilizacións na moratoria do eucalipto ata 2030. Así, nesta norma permítese, por un lado, o traslado da superficie de eucalipto a outra parcela, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75 % do eucalipto que había na inicial. Por outro lado, a segunda flexibilización abre a posibilidade de substituír unha masa de piñeiros gravemente afectados pola banda marrón por eucaliptos nunha única quenda de corta. A plantación de eucaliptos quedará limitada a un máximo do 50 % da superficie de piñeiro eliminada e o outro 50 % deberá repoboarse con calquera outra especie de coníferas ou frondosas.

De xeito concreto, a plantación afectada por esta doenza ten que estar en pé, agás que se cortase despois da publicación da Lei de medidas e se teña toda a documentación que o acredite. A gravidade da afectación sanitaria e a inviabilidade técnica e económica da masa deberán acreditarse mediante un informe técnico. Este documento terá que certificar o axente causal, cun boletín oficial de resultados emitido por un laboratorio de referencia ou acreditado, achegar tamén evidencias gráficas xeorreferenciadas (fotografías) sobre a afectación e verificar a gravidade de afectación e a mortalidade real da masa.

Nesta liña, considerarase que existe unha grave afectación sanitaria da masa cando a mortalidade real (pés mortos e puntisecos por hectárea) supere o 25 % da densidade obxectivo establecida polo modelo silvícola correspondente. Todos os pés que excedan da densidade obxectivo serán tidos en conta para o cálculo da mortalidade real da masa.

Asemade, a solicitude de repoboación incorporará unha proposta completa de reforestación, que incluirá cartografía coa delimitación das superficies destinadas a eucalipto e a xustificación da viabilidade silvícola da nova configuración. Así mesmo, e como xa quedou establecido a nivel normativo, a repoboación de eucalipto limitarase a un máximo da superficie eliminada de piñeiro e a unha única quenda de corta, debendo repoboarse o resto con outras especies permitidas. En todo caso, a Xunta poderá contrastar os datos achegados mediante inspección de campo.

A maiores, os interesados poderán optar pola posibilidade de solicitar que sexa a administración forestal a que realice a toma de mostras e a súa análise en laboratorio previo pago da taxa correspondente.

0.1308479309082