A Xunta facilita aos concellos os trámites para xustificar o Plan marco de mellora de camiños
A Consellería do Medio Rural ofrecerá máis facilidades aos concellos para que poidan executar e xustificar as obras que levan a cabo a través do Plan marco de mellora de camiños municipais, que financia este departamento con 16 millóns de euros. En concreto, a decisión pasa por ampliar o prazo que teñen os gobernos locais para levar a cabo os traballos e acreditalos.
Así o trasladou hoxe o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, nun encontro coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e no que se pretendía evitar que os municipios perderan as subvencións pola imposibilidade de cumprir os prazos de xustificación dos investimentos a raíz das modificacións da nova lei de contratos. Así, estase estudando a posibilidade de que Agader amplíe en dous meses (ata o 20 de novembro de 2018) o período inicialmente establecido nas bases reguladoras para a primeira anualidade.
Ademais, tamén se está valorando que os concellos poidan solicitar un anticipo da anualidade 2018 co obxectivo de aportar liquidez aos gobernos locais e facilitar o pago desta primeira xustificación.
O Plan marco de mellora de camiños municipais é un programa de subvencións que cada ano saca adiante a Consellería do Medio Rural para axudar aos concellos no mantemento das pistas da súa competencia. O orzamento desta convocatoria é de 16 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 8 millóns cada unha.
Todos os concellos de Galicia poden ser beneficiarios destas axudas e a día de hoxe a práctica totalidade dos expedientes de subvención están concedidos e notificados. Con estas modificacións os concellos terán seis meses para contratar as obras e executar a primeira anualidade.
A subvención concedida por Medio Rural cubre o 100% dos gastos subvencionables agás o IVE que correrá por conta dos Concellos. O importe máximo das axudas que corresponde a cada un dos 313 concellos vén determinado pola aplicación duns parámetros obxectivos e consensuados tamén coa Fegamp como a poboación, superficie, grao de despoboamento, grao de envellecemento e nivel de agrariedade de cada municipio.