A Xunta financiará a rehabilitación da nora do batán de Lousada
O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Lugo, organismo dependente da Consellería de Cultura e Turismo, acordou autorizar a obra de reconstrución da nora -ou roda de madeira- do batán de Lousada.
O batán trátase dun mecanismo singular destinado á transformación de tecidos abertos noutros máis tupidos, empregando para elo a forza dunha corrente de auga á beira da cal era construído este dispositivo.
Estes elementos teñen un gran valor etnográfico e histórico xa que foron moi importantes hai décadas para o desenvolvemento do día a día da economía local, vinculada á fabricación de tecidos, malia que hoxe están en desuso.
A reconstrución da roda farase en madeira de carballo e dará como resultado unha estrutura circular de 2 metros de diámetro disposta no estremo dun eixe, con catro radios e varias palas no borde exterior que, xunto coa forza da auga, fan fixar o conxunto accionando así os mazos de abatanaban os tecidos. As actuacións propostas procuran a posta en valor dun ben protexido reconstruíndo con fidelidade as pezas desaparecidas.
“Este proceso de reconstrución debe entenderse incluído nun máis amplo de reconstrución e posta en valor da ruta dos batáns de Xermade, que inclúen a creación dun centro de interpretación e diversos paneis informativos e no que a Xunta tamén colabora con financiamento a través do Grupo de Desenvolvemento Local que achega 64.000 euros case o 80% do investimento previsto”, explican dende a Xunta.
O batán de Lousada é un ben protexido incluído como tal na normativa urbanística local vixente e no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, e está protección afecta ao propio elemento individualmente singularizado e tamén ao seu contorno.