A Xunta financiará o 80 % da mellora da ETAP para garantir un abastecemento seguro

LugoXa | TerraChaXa
Medio Ambiente e o Concello analizan un investimento de 1,2 millóns de euros para resolver os problemas de consumo na traída municipal
Medio-Rural-Reunion-Alcalde-Castro-De-Rei
17 Feb 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, para avaliar o proxecto dirixido a mellorar a calidade da auga do servizo municipal de abastecemento.

No marco da redacción do plan de mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP), Augas de Galicia está a preparar unha separata co obxectivo de acelerar as actuacións imprescindibles para asegurar un consumo de auga en condicións óptimas para a veciñanza. Segundo trasladou a conselleira ao rexedor, o investimento estimado para executar esta intervención ascende a 1,2 millóns de euros. A Xunta asumiría o 80% do custo total, mentres que o 20% restante sería achegado pola administración local.

O alcalde expuxo durante a reunión que esta actuación resulta fundamental para poñer fin ás incidencias que impiden que parte da poboación, así como establecementos hostaleiros e empresas do municipio, poidan empregar a auga procedente da traída municipal con normalidade.

No transcurso do encontro, a titular de Medio Ambiente reiterou que, aínda que as competencias en saneamento e depuración corresponden aos concellos, o Goberno galego mantén o seu compromiso de ofrecer apoio tanto técnico como económico ás entidades locais para garantir un servizo eficiente e de calidade.

Neste contexto, lembrou que os orzamentos deste ano de Augas de Galicia acadan os 151,7 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,5% respecto a 2025. Do total, 108,7 millóns —sete de cada dez euros— destinaranse a actuacións relacionadas co abastecemento e o saneamento, mentres que 73,6 millóns se reservarán especificamente para investimentos orientados á mellora ou construción de infraestruturas hidráulicas.

⚙ Configurar cookies
0.079846143722534