A Xunta financiará o equipamento do centro de autismo de Friol a través dun convenio con Aspanaes

LugoXa | TerraChaXa
O primeiro convenio supuxo un investimento por parte da Xunta de catro millóns de euros para sufragar a construción deste novo centro, con capacidade para 48 prazas residenciais e que tamén funcionará como centro de día
centro-autismo-friol2
20 Jan 2026

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia (Aspanaes) para financiar o equipamento do novo centro integral que esta entidade abrirá este mesmo ano no concello lucense de Friol. O Executivo autonómico destinará 600.000 euros de fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (NextGenerationEU) en dotar estas instalacións dos equipamentos, do mobiliario e de todo o material necesario para a súa posta en marcha.

Este é o segundo acordo que o Goberno galego asina con Aspanaes para facer realidade este proxecto. O primeiro, que data do ano 2024, supuxo un investimento por parte da Xunta de catro millóns de euros para sufragar a construción deste novo centro, con capacidade para 48 prazas residenciais e que tamén funcionará como centro de día especializado na atención a persoas con trastorno do espectro autista. Este investimento tamén se sufragou con fondos do Mecanismo europeo de recuperación, transformación e resiliencia.

Esta nova infraestrutura, que se sitúa nunha parcela municipal cedida polo Concello na rúa do Carballal, esta chamada a converterse nun recurso pioneiro e de vangarda que situará Galicia como unha comunidade de referencia nesta materia. Terá unha superficie útil de arredor de 3.200 metros cadrados distribuídos en catro plantas. Na planta baixa situaranse, ademais do acceso principal, os talleres de intervención terapéutica e de psicomotricidade, salas de reunións e a área de administración e dirección. Nas plantas superiores irán os módulos de unidades de convivencia e na planta soto estarán os servizos xerais, como lavandaría, cociña, garaxe, vestiarios e salas de instalacións.

Este centro integral responde a unha demanda histórica das persoas usuarias de Aspanaes e das súas familias. Ademais, suporá unha importante mellora nos servizos de atención ao autismo en Galicia, xerando emprego e favorecendo o asentamento de poboación no rural.

⚙ Configurar cookies
0.078032970428467