A Xunta financiará obras en dúas zonas do polígono industrial de Cervo
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver a orde de axudas a concellos para financiar melloras nas infraestruturas dos polígonos empresariais. Na provincia de Lugo concedéronse achegas que suman 434.800 euros para executar seis proxectos.
Nesta convocatoria a Xunta apoiará obras de mellora da rede viaria nos parques industriais de Cervo entre outros.
Así, está previsto nun primeira lugar o acondicionamento dunha parcela municipal para a recollida de residuos procedentes do polígono por un importe de 120.000 euros. Ademais, financiará obras de vial con aparcamentos para a área de acceso á EDAR do polígono de Cuiña que ten un orzamento de 110.987 euros.
A través desta orde de axudas, a Xunta financia ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos presentados polos concellos para executar melloras nos parques empresariais, incluídas as obras nas infraestruturas viarias; xestión de residuos; implantar plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal; instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios ou contra o roubo de cable.
A axuda máxima é de 120.000 euros por solicitude, que pode alcanzar os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos. Os Concellos Emprendedores teñen prioridade á hora de acceder ás axudas, outorgándolles unha maior puntuación nos criterios de valoración.