A Xunta impulsa medidas para frear o impacto da banda marrón do piñeiro na Pastoriza

TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural visitou A Pastoriza e explicou as flexibilizacións previstas na moratoria do eucalipto ata 2030
pinos-A-Pastoriza-Xunta
25 Oct 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou os terreos da comunidade de montes veciñais en man común de Acebreiro, no concello da Pastoriza, afectados pola doenza da banda marrón do piñeiro. Durante a visita, explicou as medidas que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para paliar esta situación e garantir a sustentabilidade forestal, evitando ao mesmo tempo o abandono do rural.

Gómez destacou que a ampliación da moratoria do eucalipto ata 2030, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026, inclúe dúas flexibilizacións pensadas para dar resposta á crise provocada pola banda marrón. A primeira delas permitirá substituír ata o 50% da superficie das plantacións gravemente afectadas por eucalipto durante unha única quenda de corta, coa condición de que a metade restante se reforeste con coníferas ou frondosas.

A segunda flexibilización contempla a posibilidade de realizar novas plantacións de eucalipto para substituír aquelas xa existentes, sempre que a parcela orixinal se transforme con especies de coníferas ou frondosas e que a nova superficie de repoboación non supere, con carácter xeral, o 75 % da que se dedicaba previamente a eucalipto.

Segundo explicou a conselleira, con este novo marco derivado da ampliación da moratoria búscase que os propietarios forestais poidan producir máis e mellor, pero nunha superficie menor, garantindo así o máximo aproveitamento dos recursos e a diversificación do territorio.

Gómez salientou tamén o compromiso da Xunta coa sanidade forestal, que se traduce en accións coordinadas co sector para recuperar as masas de piñeiro afectadas mediante tratamentos fitosanitarios e programas de selección xenética de árbores resistentes á doenza, entre outras actuacións.

⚙ Configurar cookies
0.069512128829956