A Xunta inicia a investigación da propiedade na zona de reestruturación parcelaria de Moncelos

A Consellería do Medio Rural vén de anunciar o inicio da fase de investigación da propiedade na zona de reestruturación parcelaria de Moncelos, no concello de Abadín. O obxectivo é recoller os datos necesarios para establecer as bases deste proceso, polo que se insta a todas as persoas propietarias, rendeiras, parceiras ou cultivadoras de parcelas, así como a titulares de calquera gravame, que aínda non presentaran a declaración da propiedade, a facelo nas datas indicadas.
As xornadas de atención ao público terán lugar na Escola de Moar, en horario de 9:30 a 13:30 horas e de 15:00 a 17:30 horas, os días 14, 15 e 16 de xullo e 4, 5, 6, 18, 19 e 20 de agosto.
Lémbrase que todas as parcelas situadas dentro do perímetro da zona deben ser declaradas, incluídas aquelas nas que se atopen vivendas. As parcelas que non sexan declaradas neste prazo serán consideradas como de “persoa descoñecida”, segundo marca a lexislación vixente.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo, consultar a web da Consellería ou contactar coa empresa colaboradora Sial Ingeniería, SL (982 255 721).
Tamén está dispoñible un canal de WhatsApp onde se poderán seguir as novidades desta reestruturación.