A Xunta intentará de novo declarar Ben de Interese Cultural a cheminea das Pontes

A Xunta de Galicia anunciou que se reabren os trámites para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a cheminea da central termoeléctrica das Pontes, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres. Esta estrutura, situada neste municipio coruñés, xa conta coa protección provisional propia dun ben representativo do patrimonio industrial galego.
A decisión chega despois de que veciños, o Concello das Pontes e a Deputación da Coruña manifestasen ao Goberno galego o seu interese na conservación deste elemento, logo de que un intento previo non prosperase por falta de informes favorables de dous órganos consultivos, tal como esixe a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
Na documentación presentada, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resalta que a cheminea xa non se percibe unicamente como parte dunha infraestrutura industrial, senón que se converteu nun símbolo identitario para a veciñanza das Pontes, ao representar unha etapa de crecemento e transformación da localidade.
O informe indica que a cheminea constitúe un "referente simbólico" da destacada actividade enerxética que se desenvolveu neste municipio coruñés, chegando a ser clave na xeración eléctrica a nivel estatal.
Ademais, só o pasado ano, arredor de 2.200 veciños e veciñas apoiaron mediante a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes a declaración deste elemento como Ben de Interese Cultural, temendo pola súa posible desaparición.
A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece que o patrimonio industrial anterior a 1936 pode recibir esta distinción, pero excepcionalmente tamén se pode aplicar a elementos posteriores, sempre que se xustifique adecuadamente. Neste caso, o informe recalca a singularidade e monumentalidade da cheminea, que destaca por ser a máis alta de España e a segunda de Europa, ademais do seu gran valor simbólico e a súa notable presenza visual na paisaxe.
A proposta inclúe a delimitación dunha zona de protección de 45 metros ao redor da base da cheminea para garantir a súa conservación e mantemento.
Dende este sábado abrirase un prazo dun mes para que as persoas interesadas poidan consultar o expediente e presentar alegacións. Paralelamente, a Xunta solicitará os informes pertinentes aos órganos consultivos necesarios para que o recoñecemento como BIC se faga efectivo.
A cheminea, de formigón armado, conta cunha base de 36,40 metros de diámetro, unha altura superior aos 356 metros e un grosor que varía entre 110 e 30 centímetros. Unha inspección realizada en 2024 confirmou o seu bo estado de conservación, o que permitiría que esta estrutura se poida integrar noutro proxecto industrial.
No entanto, o informe destaca que a cheminea podería acoller usos alternativos vencellados co lecer ou o turismo. Tamén se sinala que as súa posibilidades son amplas e que non ten por que quedar unicamente como elemento paisaxístico sen funcionalidade. Ademais, valórase o seu potencial como ferramenta educativa, podendo ser empregada para explicar a "Era do carbón" e o impacto social que tivo esta industria na comunidade local.