A Xunta investirá 1 millón de euros na cuberta do CEIP Ruíz Laverde

TerraChaXa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitou a obra de ampliación do Colexio de Educación Infantil e Primaria Ruíz Laverde, de Outeiro de Rei, cun orzamento de 1.
9 Mar 2018

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitou a obra de ampliación do Colexio de Educación Infantil e Primaria Ruíz Laverde, de Outeiro de Rei, cun orzamento de 1.003.495 euros. Trátase dunha obra que prevé a demolición da cuberta do edificio principal para construír unha segunda planta na que habilitar oito aulas máis, despacho e aseos adaptados, nunha superficie de 806 metros cadrados.

A Xunta licitou a adxudicación desta obra no Diario Oficial de Galicia con tramitación urxente para o que anuncia un prazo de 13 días para presentar ofertas e, unha vez que se formalice o contrato, o prazo de execución dos traballos será de 9 meses.

A consellería propón a ampliación do edificio para cubrir o continuo incremento do censo escolar do municipio. Xa durante os anos 2014 e 2015 foi preciso ampliar o aulario de Educación Infantil con tres novas aulas. Este aumento que comezou en Infantil trasladarase a Primaria no vindeiro curso, polo que se propón ampliar suficientemente os espazos para poder contar no futuro con dúas aulas por grupo.

Para a ampliación optouse por esta solución debido á limitación de espazos no recinto escolar. Xunto coa suma dunha segunda planta, o outro gran cambio do edificio xurdirá da nova formulación da cuberta, que cubrirá completamente o patio interior, sobreelevada esta sobre a cuberta dos espazos educativos, xerando un lucernario perimetral que evitará que se reduza a iluminación na zona central. Os ventanais de peche dos corredores cara ao patio substituiranse por varandas, transformando o patio nun espazo comunicado e aberto.

O proxecto obriga a modificar tamén outras dotacións, como o incremento de medidas de protección contra incendios, para o que se construirá unha escaleira exterior de seguridade e bocas de incendio equipadas en cada planta e no exterior.

Na planta baixa reordenaranse espazos para ampliar o corredor que conduce ao polideportivo e zonas de xogo, cunha baixada ao exterior con escaleira e rampla adaptada, reorganizaranse os aseos e ampliarase a sala de profesores.

No que respecta ao equipamento, tamén se instalará unha nova caldeira de gasoil, procurando un mellor control e rendemento do sistema, así como tomas informáticas de voz e datos e todos os servizos necesarios.

0.15030908584595