A Xunta investirá na mellora da residencia de maiores de Castro de Ribeiras de Lea

LugoXa | TerraChaXa
Destinará preto de 312.000 euros para renovar o sistema de canalización de auga quente sanitaria e retorno deste edificio
residencia-maiores-castro-ribeiras-de-lea
18 Mar 2025

A Xunta de Galicia anunciou a próxima licitación das obras de mellora e mantemento da residencia de maiores Castro de Ribeiras de Lea, situada no municipio de Castro de Rei. O Executivo autonómico destinará preto de 312.000 euros para renovar o sistema de canalización de auga quente sanitaria e retorno deste edificio, que conta cun total de 172 prazas públicas.

Ademais da renovación das tubaxes de auga, a intervención incluirá outras actuacións de mellora, como a substitución dos desaugadoiros da cociña, a colocación dunha segunda bomba de achique, a suxeición de parte do muro cortina na segunda planta e o arranxo de danos no revestimento de tres zonas do edificio. O prazo de execución previsto para estas actuacións será de catro meses.

Para minimizar o impacto no funcionamento habitual do centro, os traballos planificaranse en coordinación coa Dirección da residencia e levaranse a cabo en zonas ocupadas e de uso continuo, realizando as obras en horarios limitados para non interferir no día a día do centro.

Estas melloras están financiadas a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea e forman parte do Programa de melloras dos centros de maiores da rede pública autonómica. En febreiro, a Xunta xa licitou obras similares na residencia de maiores Volta do Castro, en Santiago de Compostela, cun investimento de máis de 200.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.89336919784546