A Xunta inviste 240.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental en proxectos enerxéticos nas Pontes

A delegada territorial da Xunta en Ferrol., Martina Aneiros, visitou o Concello das Pontes onde supervisou as actuacións acometidas con cargo á axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da liña non competitiva concedida este ano pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Esta achega autonómica, que ascendeu a 239.936,26 euros, concedeuse para os proxectos de conservación da zona de servidume na ribeira dos ríos e do lago das Pontes e de eficiencia enerxética no alumeado público.
No caso do primeiro, incluíu a execución de actuacións de mellora do estado ambiental e funcionamento hidráulico das canles fluviais dentro da zona urbana do municipio -ríos Eume, Chamoselo, Brixeo e no regato dos Covelos- e do contorno do lago, co obxecto de acondicionar as súa marxes mediante a limpeza de vexetación e a retirada de obstáculos como poden ser árbores desequilibradas próximas aos ríos.
Posteriormente, a delegada desprazouse ao Concello de Cedeira, outro dos municipios do ámbito territorial beneficiarios das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.
A delegada territorial lembrou que As Pontes e Cedeira son dous dos 11 municipios do ámbito territorial, xunto aos de A Capela, Cariño, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño, beneficiarios este 2025 da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental que deixou na zona máis de 856.000 euros en axudas.