A Xunta inviste 40.000 euros en vías interiores do polígono pontés de Penapurreira

TerraChaXa
Martina Aneiros visitou a rúa Carracedo, onde se desenvolveron os traballos de reposición da pavimentación da beirarrúa
obras-poligono-as-pontes
13 Dec 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros visito o polígono industrial de Penapurreira, onde o Concello acometeu obras de mellora das infraestruturas viarias interiores con cargo a unha axuda da Consellería de Economía e Industria para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O proxecto, que percibiu unha achega autonómica de 40.587 euros, consistiu na execución dunha nova pavimentación na beirarrúa da rúa Carracedo que ata o momento dispoñía dun pavimento de lastra de formigón nun estado de notable deterioro, o que entrañaba riscos para os viandantes. A actuación executada permitiu a reposición do seu solado.

A delegada territorial puxo en valor esta liña de axudas dotada de 3,5 M€ de investimento e que permite mellorar os servizos e o acondicionamento das infraestruturas existentes ou de nova construción nos polígonos industriais galegos. A finalidade é que as empresas radicadas neles poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, ao tempo que contribúe a fixar novos proxectos.

“É un exemplo máis da política do Goberno galego a prol da busca constante de mellorar a oferta de solo empresarial para favorecer a actividade industrial, a captación de novos investimentos e a creación de emprego”, apuntou Aneiros que lembrou que a presente convocatoria deixou 274.000 euros en axudas en catro concellos da zona (As Pontes, Cabanas, As Somozas e Narón).

Entre as actuacións subvencionables, inclúese a implantación de melloras na iluminación pública nos colectores que verten ás EDAR municipais; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao recinto; a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia; as instalacións comúns de equipos e sistemas de protección destinados á loita contraincendios ou contra roubos de cable, e os servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno.

A intensidade das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, é dun 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros.

0.17316198348999