A Xunta inviste na construción dunha depuradora e nun alumeado eficiente en Guitiriz
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou ao concello de Guitiriz 84.000 euros para a construción dunha nova planta de depuración de augas pluviais e para desenvolver un proxecto de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública do polígono industrial.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o polígono acompañado pola alcaldesa do municipio, Regina Polín, e destacou que están abertas novas convocatorias da Xunta para apoiar investimentos dos concellos nos parques empresariais, tanto para obras de mellora como para a instalación de viveiros de empresas.
As obras realizadas nos últimos meses no polígono de Guitiriz consistiron na construción en formigón armado dun depósito soterrado e peche perimetral para o tratamento de augas pluviais así como a execución dun novo tramo de tubaxe para conectar á rede o novo decantador. A Xunta financiou este proxecto con preto de 62.700 euros.
Así mesmo, destinou 21.300 euros á modificación do sistema de alumeado existente. Substituíronse 33 luminarias por outras tipo Led con sistema de acendido por reloxo astronómico e de dobre nivel -que funcionarán ao 50% no tramo horario de menor actividade-. Esta medida reportará un aforro, tanto enerxético como económico, do 83,2 por cento, e evitará a emisión á atmosfera de 9,6 toneladas anuais de dióxido de carbono.
Apoios do 80 por cento
A Consellería de Economía e Industria achegou o 80 por cento do orzamento subvencionable ás dúas iniciativas desenvolvidas en Guitiriz, unha porcentaxe similar á que se establece con carácter xeral nas novas ordes de axudas para este ano.
Os concellos interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 28 de febreiro. Por unha banda, poderán solicitar apoio para mellorar as infraestruturas dos parques, como plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso e interiores, ou instalación de sistemas de seguranza, vixilancia ou protección contra incendios.
Por outra, poden solicitar axudas para a creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais. Son obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais de propiedade municipal, co fin de crear un viveiro industrial de empresas.