A Xunta levou a cabo preto de 800 labores de desinfección na provincia
A Xunta de Galicia leva realizadas 773 actuacións de desinfección nos exteriores dos centros de saúde e residenciais da provincia de Lugo para contribuír a incrementar a seguridade da poboación máis vulnerable fronte ao coronavirus.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou o gran labor que están a desenvolver os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, levando a cabo “un traballo fundamental para axudar á contención do virus nos concellos rurais”
Balseiro mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos xefes de brigadas dos distritos da provincia (Terra Chá, Lugo-Sarria, A Mariña, Fonsagrada-Ancares e Terra de Lemos), na que agradeceu este traballo que realizan de xeito voluntario preto dun centenar de profesionais. Detallou que estiveron dispostos a colaborar “dende o primeiro momento” e cando se cumpre a sexta semana dende que comezaron as tarefas de limpeza, suman 518 intervencións en centros de saúde e 255 en residencias de persoas maiores ou con discapacidade.
En xeral, interveñen nos concellos de menos de 5.000 habitantes e limpan tamén outros espazos públicos especialmente sensibles, como beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo. Contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias establecidas ao respecto.
Están a realizar os labores de desinfección todos os días, incluídos fins de semana e festivos, durante as súas quendas de traballo. En todo caso, cabe lembrar que estas tarefas adicionais que asumen non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar na provincia.
Entre os preto dun cento de integrantes deste servizo voluntario atopamos todo tipo de perfís: axentes e peóns forestais, bombeiros forestais, condutores de motobombas, integrantes das brigadas helitransportadas,... de entre os 400 homes e mulleres que hoxe forman parte do Servizo de de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural na provincia de Lugo.