A Xunta licita a mellora da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros

TerraChaXa
A Xunta licita por 450.000€ a mellora da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros. As empresas teñen ata o 19 de maio para presentar ofertas.
licitacion estrada xermade cabreiros
23 Apr 2021

A Xunta licitou hoxe por 450.000 € a mellora da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros, unha actuación incluída no Plan de reforzo de firmes que en 2021 prevé un investimento de 4,6 millóns na provincia de Lugo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe esta nova actuación de seguridade viaria na estrada que une Parga con Cabreiros ao seu paso polo municipio de Xermade. Con ela prevese intervir no treito de 5,5 quilómetros que une os núcleos de Cabreiros e Xermade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa o anuncio de licitación das obras, fixando de prazo ata o vindeiro 19 de maio para a presentación de ofertas. A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta sinalou que a partir de aí continuaranse os trámites para iniciar os traballos este verán, co obxectivo de telos rematados este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de tres meses.

Concretou que as obras previstas entre os núcleos de Xermade e de Cabreiros, permitirá mellorar o firme entre a intersección da Pena e Cabreiros, xusto onde comeza o treito rehabilitado pola Xunta hai uns anos.

Explicou que os traballos consisten na mellora do firme en toda a superficie da estrada, mediante o estendido dunha nova capa de rodadura “de altas prestacións” nos treitos que presentan mal estado, para incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios. A actuación inclúe, ademais, a limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización vertical.

A conselleira apuntou que nos treitos con menor ancho e con gabias profundas, disporanse cunetas de seguridade, que poden ser rebasables e utilizarse en caso de ser necesario. Colocaranse, ademais, barreiras de seguridade onde haxa desniveis e sistemas de protección para motoristas.

Ethel Vázquez puxo o acento no traballo nos últimos ano do departamento que dirixe para impulsar o acondicionamento dos case 10 km de lonxitude desta estrada LU-170, entre Cabreiros e Momán. Explicou que a Xunta ten por obxectivo acometer unha actuación ambiciosa para a que xa solicitou 6 millóns de euros dos fondos europeos de reconstrución ao Ministerio de Transportes para acometer a actuación.

Expuxo que xa redactou o proxecto dun 1º treito, entre Xermade e Cabreiros para actuar entre as proximidades do parque empresarial e a glorieta de conexión coa AG-64 en Cabreiros, ampliando a estrada ata os 7 metros.

A conselleira salientou que o Plan de reforzo de firmes para este ano destinará un investimento de 4,6 M€ ao acondicionamento das estradas autonómicas da provincia de Lugo, e que todas estarán licitadas neste cuadrimestre para seren executadas en 2021. Tamén citou outras obras de calado, como a 1ª fase de acondicionamento da estrada entre Friol e Palas ou as obras da 1ª fase da autovía Lugo-Sarria.

Ethel Vázquez fixo fincapé na aposta da Xunta polas comunicacións e pola vertebración interior en contraste coa política do Goberno de España.

A este respecto, amosou a inquedanza do Goberno galego polo estado de deterioro que presentan as estradas nacionais, e que tampouco se avanza ao ritmo esperado e necesario na autovía Lugo-Santiago, que non estará rematada en 2021, como demanda a Xunta, a pesar de ser unha actuación que se empezou hai 22 anos.

0.15955805778503