A Xunta licita a redacción do proxecto da nova depuradora de Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
O obxectivo é ter redactado o proxecto construtivo a finais do ano que vén e, unha vez sexa supervisado e aprobado poder iniciar a contratación das obras A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou onte da licitación da redacción do proxecto da nova depuradora de Outeiro de Rei, que a Xunta deseñará co obxectivo de acadar a súa neutralidade enerxética.
presentacion obras edar outeiro de rei
14 Out 2023

O obxectivo é ter redactado o proxecto construtivo a finais do ano que vén e, unha vez sexa supervisado e aprobado poder iniciar a contratación das obras

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou onte da licitación da redacción do proxecto da nova depuradora de Outeiro de Rei, que a Xunta deseñará co obxectivo de acadar a súa neutralidade enerxética.

Así o adiantou Vázquez Mourelle na presentación, xunto coa estiveron a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, deste contrato da Xunta para a mellora dos servizos municipais da auga, neste caso para a mellora do saneamento no municipio.

A conselleira sinalou que se trata de atallar os problema de depuración na actual planta de tratamento, construída hai máis de 20 anos, é que unicamente ten un tratamento fisíco-químico.

Explicou que o contrato para a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora que hoxe se licita suporá un investimento da Xunta de 242.000 €, e avanzou que as empresas interesadas, teñen de prazo ata o 17 de novembro para presentar as súas ofertas. A partir de aí, continuarase cos trámites administrativos necesarios, avaliación de ofertas, adxudicación e sinatura do contrato, que recolle un prazo de 10 meses para a redacción do proxecto.

A titular de Infraestruturas precisou que o obxectivo é que o proxecto construtivo estea redactado a finais do ano que vén e, unha vez sexa supervisado polos técnicos de Augas de Galicia e aprobado poder iniciar a contratación das obras da nova depuradora.

A actual depuradora está situada preto da área recreativa de Santa Isabel, nunha zona próxima aos ríos Miño e Ladra, polo que segundo sinalou a conselleira é frecuente que sufra inundacións, chegando o nivel da auga a superar a cota do recheo existente. Tamén, engadiu, con infiltracións de auga que fan que os caudais que chegan á depuradora para tratar sexan moi superiores aos que deberían, creando ineficiencias e un incremento no custo de depuración.

Ethel Vázquez tamén fixo fincapé no estado actual da depuradora, que quedou obsoleta en canto a tecnoloxía, e infradimensionada, tendo en conta o gran crecemento de poboación que experimentou o municipio nos últimos anos: desde 2009, medrou un 7,5%, rexistrando preto de 400 habitantes máis censados.

Por iso, tal e como sinalou a conselleira, atendendo á necesidade trasladada polo alcalde de priorizar esta actuación, Augas de Galicia realizou primeiro un estudo de alternativas para avaliar a mellora ou o cambio de lugar da depuradora. Este estudo, segundo apuntou Ethel Vázquez, determinou a idoneidade de construír unha nova depuradora e actuar sobre a rede para evitar que as augas limpas, de chuvia ou do río, que actualmente chegan a depuradora acaden a planta de tratamento.

A conselleira detallou que co estudo realizado, e tras abordar conxuntamente os seus resultados, proponse como a localización máis axeitada para executar a nova depuradora unha parcela identificada polo Concello, anexa á prevista inicialmente cara ao leste e con acceso directo dunha estrada local, o que obrigará a modificar o trazado dos colectores que converxen na actual depuradora.

Destacou que con esta actuación se garantirá unha axeitada xestión e tratamento das augas residuais do municipio, permitindo este contrato o desenvolvemento polo miúdo das actuacións que será preciso levar a cabo e tamén o mellor modo para desenvolver esas intervencións, xunto cos trámites e permisos que serán necesarios.

Ethel Vázquez enmarcou este novo proxecto para os servizo municipais da auga no seguimento do apoio da Xunta ao Concello de Outeiro de Rei no desenvolvemento das súas competencias e de cara a ofrecer un mellor servizo de saneamento e de depuración aos veciños.

A conselleira referiuse tamén a licitación o pasado ano das obras para completar a mellora do abastecemento, unha actuación na que Xunta e Concello investirán 162.000€. Neste caso trátase de executar un ramal da rede de abastecemento que conectará a rede actual na zona empresarial, pasando baixo a autovía estatal A-6.

Ethel Vázquez lembrou a intención da Xunta de ter este mesmo ano rematadas as obras, xa que teñen un prazo de 2 meses, pero aínda se está pendentes para o seu inicio de dispoñer da autorización do Ministerio de Transportes, ao afectar á autovía estatal.

A conselleira indicou que se agarda poder ter canto antes esa autorización para poder iniciar as obras para completar a mellora do abastecemento e dotar aos veciños e ás empresas do polígono dun servizo de abastecemento eficiente, ao tempo que se avanzan os trámites para construír a nova depuradora e mellorar o saneamento.

0.24887108802795