A Xunta licita as obras de rehabilitación do CPI de Friol
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do CPI Dr. López Suárez (Friol), por importe de 737.251,38 euros.
A obra contempla actuacións para a mellora da eficiencia enerxética, tales como a substitución de chapa de cuberta por panel sandwich con illamento intermedio de poliuretano no edificio 1, así como o illamento polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS, nos edificios 1 e 2.
Así mesmo mudaranse as fiestras dos edificios 1 e 2 por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, así como as persianas, que se disporán de aluminio con illante térmico interior. Tamén se substituirán as luminarias destes dous edificios por equipos LED con regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns.
A maiores está prevista a mellora da accesibilidade, a través da construción de dúas ramplas, unha en cada un dos accesos á planta baixa do edificio 2; a instalación de falsos teitos en gran parte destes dous edificios; e tamén en ambos o pulido do pavimento, a substitución das portas en mal estado e o pintado de paramentos. Así mesmo, repararase a pasarela entre o edificio 2 e o 3 e reporase o pavimento do patio interior.
A actuación inclúe tamén a habilitación dunha aula para a recepción das familias e a ampliación da zona de almacenaxe da biblioteca.
O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas a partir de setembro co curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.