A Xunta organiza un curso sobre a alimentación apícola nas Pontes
A acción formativa, que levará a cabo a Agacal, ten previsto desenvolverse o vindeiro venres 27 de agosto no centro de usos múltiples Casa Dopeso do concello coruñés das Pontes. A programación do curso combinará unha parte teórica, que se centrará en diversos conceptos sobre a alimentación do apiario, e unha parte práctica na que se aplicarán os coñecementos previamente adquiridos.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre a alimentación apícola. A acción formativa ten previsto desenvolverse o vindeiro venres 27 de agosto no centro de usos múltiples Casa Dopeso do concello coruñés das Pontes.
O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Ao longo de sete horas de duración, a programación combinará unha parte teórica cunha práctica. Así, a teoría abordará temas como os pros e contras dos tipos de alimentos na apicultura ou como e cando utilizalos, ademais dos beneficios para as abellas dun correcto manexo da súa alimentación. Pola outra banda, na parte práctica farase unha saída a campo para visitar un apiario e realizar as prácticas de alimentación.
Con esta programación, o obxectivo deste curso é ensinarlles aos apicultores dun xeito teórico-práctico a identificar os distintos tipos de alimentos que utilizar na alimentación das súas abellas, así como a analizar os beneficios que poden acadar no manexo da colmea grazas a unha correcta alimentación.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico alejandro.martinez.verez@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 337 044 para máis información.
A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector apícola neste caso e do sector agrícola e forestal en xeral, tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.