A Xunta outorga autorización ambiental ao parque eólico Batifol

A Xunta de Galicia concedeu a autorización ambiental ao parque eólico Batifol, promovido por Naturgy, que se situará entre os concellos lucenses de Castroverde, Castro de Rei e Pol. O proxecto contará cunha potencia de 12,5 megavatios e prevé a instalación de dous aeroxeradores.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o anuncio da autorización, que inclúe tamén a construción dunha liña de evacuación e dun edificio destinado a centro de control, así como a ampliación da subestación do parque eólico Monciro. O prazo previsto para a execución é de sete meses.
Na área afectada pola instalación detectouse a presenza de fauna protexida, como a tartaraña cincenta, e especies en perigo de extinción como o miñato real e a galiñola de auga. Ademais, o parque sitúase nos límites da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Tamén se identificaron 45 elementos de patrimonio cultural dentro do ámbito do proxecto, entre eles varias mámoas localizadas nas inmediacións. Por este motivo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural establece a obriga de realizar rozas previas no monte Millares co fin de localizar posibles bens non catalogados. Pola súa parte, Patrimonio Natural esixe a incorporación de tecnoloxías que reduzan o risco de colisión das aves coas turbinas, mentres que Saúde Pública demanda un seguimento específico sobre o efecto de parpadeo das sombras dos muíños nas vivendas máis próximas.
Tras unha modificación do proxecto inicial, coa que Naturgy reduciu de catro a dous os aeroxeradores previstos, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental considera descartadas as afeccións ambientais e avala a viabilidade do parque eólico Batifol.