A Xunta pide garantías para o sector agrogandeiro e forestal
O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia co ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, e os demais conselleiros autonómicos do ramo para avaliar a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. No encontro virtual, José González demandou garantías para o sector agrogandeiro e forestal galego e para os profesionais que seguen traballando no rural, con prórrogas de contratos ou medidas de protección axeitadas.
Así, relacionado co sector gandeiro, o titular de Medio Rural solicitou a suspensión de todos os mercados gandeiros no territorio nacional. Xustificouno debido a que a venda directa está permitida sen ter que ser a través destes mercados, e así o trasladaron os tratantes e algúns gandeiros ao propio conselleiro. Neste senso, sinalou que non é xusto que aqueles que teñan que sacar as reses das explotacións se arrisquen a contaminarse nestas instalacións, cando os tratantes están facendo a separación das reses en lotes en instalacións autorizadas e o gando está saíndo con normalidade. Polo tanto, asegurou, non hai problemas na venda directa aos puntos de destino destes animais.
O titular de Medio Rural tamén trasladou na videoconferencia unha serie de medidas que considera prioritarias para o agro galego mentres continúe declarado o estado de alarma por mor do COVID 19. Así, o conselleiro puxo sobre a mesa, por exemplo, a posibilidade da venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade e para os vexetais a por maior e menor para a plantación en hortas, xa que o peche dos mercados lles está dificultando -dixo- chegar aos seus clientes. Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións.
Ademais, o titular de Medio Rural propuxo a posibilidade de permitir a circulación de traballadores profesionais e non profesionais dos sectores agrícola, gandeiro e forestal que queiran desprazarse ata as súas parcelas ou lugares de traballo para facer certas actividades, sempre que acrediten a realización de tarefas agrarias e cumprindo as recomendacións sanitarias. Neste senso, sinalou que este tipo de movementos non supoñen un risco para a saúde pública, pois son desprazamentos individuais a zonas, normalmente, próximas ás vivendas, especialmente aludiu aos viticultores das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.
Ao fío disto, José González indicou que hai problemas de interpretación sobre o movemento de persoas de pequenas empresas que recollen colleitas, polo que solicitou a necesidade de facer excepcións no tocante á circulación de traballadores dos sectores agrícola, gandeiro e forestal en vehículos. Nesta liña, José González indicou que se deberían relaxar as esixencias nestes colectivos, para poder garantir a actividade e o subministro.
No tocante á posibilidade de plantexar expediente de regulación temporal de emprego (ERTEs) na industria agroalimentaria e forestal, o conselleiro solicitoulle ao Goberno central unha aclaración sobre a aplicación destes expedientes reguladores. Neste sentido, sinalou que o Real Decreto recolle que se poderán levar a cabo estes expedientes por cuestións de forza maior, debido á paralización da actividade. Neste sector, manifestou o conselleiro, non existe esta parálise senón que hai unha redución da actividade e, polo tanto, moitas empresas vense obrigadas a cesar. Por isto, Galicia reclama que estas industrias poidan acollerse aos ERTEs e que se aclare a situación para a súa aplicación. Neste caso concreto, puxo como exemplo o caso das empresas forestais ou das adegas, que ven que os seus produtos non saen por mor do peche dos seus clientes habituais.
Ao tempo celebrou que a Unión Europea decidise ampliar a convocatoria da PAC ata o 15 de xuño e que o propio ministro trasladase que a ía ampliar por orde ministerial, unha petición que a Xunta fixo este luns ao Goberno central, para que solicitase ás instancias europeas a prórroga dos prazos das medidas financiadas con fondos FEADER.
Finalmente e en relación co sector lácteo, un eido estratéxico na nosa comunidade, o conselleiro do Medio Rural trasladou a importancia de que se prorroguen os contratos alimentarios que venzan durante a vixencia do estado da alarma, para non deixar nunha situación de interinidade aos gandeiros de leite.