A Xunta propón o peche da estación de autobuses de Vilalba
A Consellería de Infraestruras e Mobilidade, que dirixe Ethel Vázquez, remitiulle unha proposta ao Concello de Vilalba na que recollía a idea de pechar a estación de autobuses e no seu lugar colocar dúas marquisiñas na rúa do lado para dar servizo aos usuarios deste servizo.
Segundo afirman dende a Xunta, foi o exalcalde popular, Agustín Baamonde, o que solicitou durante o sue último mandato o peche desta instalación dada a súa falta de uso e a súa mala conservación. A proposta xa contemplaba a colocación destas marquesiñas, pero a proposta nunca chegou a materializarse e agora retómaa a Consellería de Infraestruturas para traladala ao actual equipo de goberno.
O obxectivo desta medida é tratar de poñer freo á decadencia da estación de autobuses, con moi poucos usuarios e que se atopa en moi mal estado abandonado desde hai anos convertida en refuxio de transeúntes e sen teito, que mesmo ocuparon un local.
Persoal da Dirección Xeral de Mobilidade e a alcaldesa de Vilalba xa mantiveron un encontro para abordar o estado das instalacións e estudar que alternativas para mellorar a calidade de atención aos viaxeiros, que hoxe só utilizan as dársenas, e buscar novos usos para o infrautilizado edificio.
Veleiro espera que en setembro, poidan iniciar o estudo de posiblidades para darlle outro uso ás instalacións e redactar un proxecto acorde, xa que, asegura que " hai que buscarlle unha utilidade, sacarlle partido e frear o deterioro".
A estación vilalbesa inaugurouse en 1991 e leva anos abandonada e infrautilizada. É de titularidade autonómica e Arriva, que usa as dársenas, ten a concesión da xestión, razón pola que en xuño a Xunta requiriulle que limpase as instalacións, dada a sucidade e lixo acumulada e as queixas dos usuarios.