A Xunta realizará un total de 31 cursos para desempregados na comarca
A Consellería de Emprego e Igualdade destinará preto de 1,4 millóns de euros (1.383.000 euros) a financiar 30 cursos na comarca da Terra Chá e un en Meira para mellorar as oportunidades laborais de 465 persoas desempregadas.
Na Terra Chá e Meira, os encargados de impartir estas accións formativas serán Cruz Vermella e catro academias e empresas. Inclúense especialidades relacionadas coa atención sociosanitaria, competencia matemática, comunicación en lingua galega e castelá, seguridade informática, deseño de caldeiraría e estruturas metálicas, deseño na industria naval, xestión de almacéns, actividades administrativas, instalacións frigoríficas, sistemas informáticos, transporte e distribución, instalacións solares fotovoltaicas, carnicería e elaboración de produtos cárnicos e aproveitamentos forestais, entre outros.
No conxunto da provincia de Lugo, a Xunta destina 7,3 millóns de euros a financiar 174 cursos para mellorar as oportunidades laborais de 2.610 persoas desempregadas. Así, ademais dos anteriores, na área de Lugo prográmanse 85; na Mariña 38; en Terra de Lemos 13; na comarca de Sarria cinco e nos Ancares dous.
Os cursos poderán impartirse na modalidade presencial, de teleformación ou mixta. Van dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que se admitirá a participación de ata un 30% de persoas traballadores ocupadas, sempre e cando non se cubran as prazas ofertadas para desempregados. Unha vez finalizados, darán acceso a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Os alumnos e alumnas poden acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia ou da páxina web emprego.xunta.gal. Deste xeito, os interesados teñen a posibilidade de elixir o curso, independentemente do lugar de residencia. As entidades adxudicatarias dos cursos poderán seleccionar directamente ao alumnado, e priorizarán na participación nos correspondentes procesos selectivos ás persoas desempregadas que exerzan o seu dereito de elección de centro a través do portal de emprego da Consellería de Emprego e Igualdade ou na rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.