A Xunta reclama ao Estado máis fondos para o Perte Aeroespacial e Rozas

LugoXa | TerraChaXa
Subliñou que o sector aeroespacial medrou de forma sólida na última década en Galicia, impulsado polas capacidades das empresas e centros tecnolóxicos galego
voo-dron-aerotaxi-rozas
26 sep 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reclamou ao Goberno central que destine máis fondos ao PERTE Aeroespacial. “Un sector que está a ter un papel crucial -dixo- para o fortalecemento da industria da Comunidade autónoma galega”.

A directora xeral participou na V reunión da Alianza polo Perte Aeroespacial e ao seu remate fixo fincapé na necesidade de ampliar as partidas de fondos europeos destinadas a este sector “máis aínda se temos en conta que dos 41.000 millóns de euros cos que contan os PERTEs, aínda restan preto da metade sen convocar e que a partida inicial deste PERTE se reduciu á metade”, denunciou Ardao.

Pola contra, a directora xeral puxo en valor o reforzo e o compromiso do Xunta co crecemento e a internacionalización das empresas emerxentes desta industria estratéxica nos últimos anos, co obxectivo de dar un pulo á súa competitividade.

Neste sentido, explicou que o aeroespacial é un sector dinámico cunha alta posibilidade de crecemento e que aporta valor engadido á industria galega en termos de innovación tecnolóxica, competitividade, diversificación e emprego cualificado.
Crecemento do sector

Tras a reunión desta mañá, Margarita Ardao tamén subliñou que o sector aeroespacial medrou de forma sólida na última década en Galicia, impulsado polas capacidades das empresas e centros tecnolóxicos galegos, polo talento que existe e polo apoios das Administracións.

Así, subliñou que a Civil UAVs Initiative -liderada polo Goberno Galego- é unha iniciativa pioneira en España e en Europa que funciona como catalizadora deste crecemento ao abrir as portas a un mercado especializado como o das tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados.

Neste sentido solicitou maior apoio do Estado á Civil UAVs pois é coherente coas políticas de impulso ao sector que se están a levar a cabo e por tratarse, ademais, da primeira iniciativa e a de maior volume de España neste ámbito.

0.14104223251343